martes, 14 de agosto de 2012

XXXIII FESTIVAL DE PARDIÑAS (GUITIRIZ) E XCIX FESTAS DO MONTE SANTA TREGA


Boas a todos/as!

Xa de volta no Rosal, despois de percorrer as catro provincias galegas nunha viaxe músico-cultural, que como vos contei na anterior entrada, tivo como destino final o XXXIII Festival de Pardiñas (Guitiriz-Lugo).

Impresionante o concerto de Barricada e La Leñera -entre outros grupos- no I Festival Rock e non menos incrible o ambiente folk que reinou durante toda a fin de semana en Pardiñas, con actuacións de calidade e cun público tranquilo e entregado, acorde ao que alí se viviu, nun espazo realmente idílico.


Noraboa á Asociación Cultural Xermolos pola impecable organización do evento e agradecido sobre todo ao druida Luis e a Esteban, o noso anfitrión en Guitiriz.

Mención especial igualmente para Tadashi Yamamoto, antropólogo e catedrático da Universidade de Tenri, en Nara (Xapón), co que compartimos esta XXXIII edición do Festival. Realmente incrible escoitalo falar en galego e poder manter interesantes conversacións durante toda a fin de semana.


Tadashi está na actualidade traducindo ao nipón o coñecido libro Memorias dun neno labrego da autoría de Xosé Neira Vilas, co que tamén estivemos o domingo 5 de agosto durante a clausura do Festival.



Case que sen tempo para asimilar todo o acontecido en "Pardiñas" cheguei á "Comarca", en plenas Festas do Monte Santa Trega. Uns días de descanso e volta ao traballo, xa que estou preparando os correspondentes bosquexos para presentar a quen desexe colaborar comigo na dinamización sociocultural do Baixo Miño.



Este ano tan só tiven tempo de saír un pouquiño o venres e por suposto subir ao Monte, pero tamén a última hora, o domingo da "Troulada", acompañado dos amigos Luis, Olalla, Juan e Pedro. Antes estivemos en Viladesuso (Oia) na VI Festa do Percebe, na que o meu pai, Xoán Martínez Tamuxe, foi o encargado de ler o pregón.


Aparte dos xa compañeiros/as míticos de andaina do Rosal e A Guarda quero saudar dende aquí a Julio, Silvia e Abel desexándolles unha boa viaxe de regreso, tanto a Madrid como a Fuerteventura.


Por outra parte, en breve anunciarei as datas dos primeiros acontecementos lúdico-culturais que estou organizando e que serán o punto de partida dunha parte importante do meu proxecto. Agardando que sexan do voso agrado, recibide unha forte aperta.

¡¡Saúde para todos/as!!