martes, 11 de febrero de 2014

O libro "Molinos" preséntase en Pontevedra, con mención especial para o conxunto Folón-Picón

Imaxe da I Ruta Guiada Noticias O Rosal polo Folón

O venres 7 de febreiro fomos convidados a Pontevedra, Tamuxe e máis eu -xunto co alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela-, para asistir á presentación do libro Molinos, un auténtico volume histórico-pedagóxico de preto de 700 páxinas, que recolle as actas do VIII Congreso Internacional de Molinología que se celebrou en Tui o pasado mes de abril de 2012.

Hai que lembrar que dito evento estivo promovido pola Asociación para la Conservación y Estudio de los Molinos (ACEM) e organizado pola Asociación Galega de Amigos dos Muíños (ASGAMUI) e pola Universidade de Vigo.



Alí, o historiador local Xoán Martínez Tamuxe presentou diante dos maiores expertos na materia a comunicación titulada "Los molinos del Folón y del Picón en O Rosal. Conjunto histórico-etnográfico de Galicia", onde se confirmou que precisamente o noso enclave é único no mundo.

Pois ben, o dito venres á tardiña, na sede da Deputación, presentouse Molinos. Innovación y Ciencia en el Patrimonio Etnográfico



Abriu o acto Rafael Vallejo Pousada, profesor da Universidade de Vigo e coordinador da publicación, xunto con Francisco Torres Pérez (UVIGO), dando a benvida aos asistentes e facendo un resumo do contido do libro. 

Seguidamente, tomou a palabra Xabier Lores Rosal, presidente de ASGAMUI (Asociación Galega de Amigos dos Muíños) e tamén coordinador de "Molinos", quen agradeceu e destacou a colaboración tanto dos poñentes no VIII Congreso como da propia Deputación de Pontevedra ao editar este libro.



Pechou a quenda de intervencións, Rafael Louzán Abal, presidente da Deputación de Pontevedra, quen afirmou que seguirá ofrecendo todo o seu apoio para o futuro estudo e catalogación dos muíños da provincia, asegurando que estaría encantado de que a Cidade do Lérez puidese acoller un congreso a nivel Galicia sobre muíños.



Teño que destacar algo que me enche de "orgullo e satisfacción" -como diría S.M.- pois nesta presentación todos os oradores fixeron referencia a espectacularidade e beleza do conxunto e da ruta dos muíños do Folón e do Picón, sendo sen dúbida un dos protagonistas tanto do Congreso como da presentación de "Molinos". 

E aínda máis cando lembrou Rafael Louzán na clausura do acto que "existe un magnífico libro coa historia destes muíños realizado por dous escritores rosaleiros".