Este martes 11 de marzo celebrarase en Vigo unha homenaxe á poetisa Xela Arias Castaño, quen fora tamén profesora do IES A Sangriña (A Guarda).
Segundo me comunican dende a AELG, que preside Cesáreo Sánchez, "a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza, coa colaboración do IES Álvaro Cunqueiro unha homenaxe que se celebrará neste centro educativo da cidade de Vigo, ás 19:00 horas do martes 11 de marzo, no mesmo mes en que a autora cumpriría 52 anos".
Nesta homenaxe participarán persoas que ilustran a traxectoria vital e literaria de Xela Arias e a proxección da súa obra. Para iso "contaremos con escritoras, editores, músicos, actores, amigas e amigos que lerán a obra de Xela Arias e farán unha pequena lembranza da poeta".
Xela Arias, escritora que non se pode conter nas marxes da xeración que a viu nacer, transcendeu as lindes da escrita e puxo a palabra en contacto con outras disciplinas artísticas. Polifacética, xenerosa e implicada, desde a súa mocidade estivo vinculada ao mundo do libro, primeiro como editora, despois como escritora e tradutora.
No acto poético-musical participarán:
- Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais
- María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias
- Antía Otero e Marta Dacosta, poetas
- Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña
- Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias
- Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro
- Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español
- Avelino González, actor
- Ana Iglesias, escritora
- Mercedes Queixas, en nome da AELG
- Darase lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg
A parte musical estará a cargo de:
- O grupo Xardín desordenado
- O clarinetista Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga
Contaremos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán.