A Praza do Calvario e a XXIII edición da Feira do Viño do Rosal acolleron o sábado 18 de xullo a presentación oficial do equipo do Acanor Atlético Novás para a tempada 2015/16.
Dende aquí, o meu agradecemento á directiva do club de balonmán rosaleiro que preside Andrés Senra, por confiar en min para ser o "speaker" deste novidoso e -a bo seguro- histórico evento deportivo.
Sen dúbida con este tipo de actos públicos e a boa xestión nas fichaxes, primando a "xente da casa" e sobre todo o acerto á hora de tomar decisións difíciles e adecuadas, está facendo que o Novás estea a desbordar a ilusión entre os afeccionados do Rosal e do Baixo Miño.
O coidado da súa inagotable canteira de talentos, da súa gran base e o "rescatar" a homes-emblema do club como Germán Fernández (novo segundo adestrador), e a volta de Jota Muñoz como míster, auguran moitos éxitos a curto e longo prazo para os rosaleiros.
Pese as importantes baixas do "eterno capitán" Ramón Martínez, Paulo Dacosta ou David Lechuga, fichaxes como as de David Álvarez (Carballal), Miguel Sío (Chapela), Carlos Rodríguez (BM Cisne), Miguel Trigo (Frigoríficos Morrazo) e César Armán (S.D. Teucro) alentan e agradan mazo á marea vermella.
Aínda que me perderei o inicio da tempada pola miña inminente viaxe ás Américas en agosto, seguirei tamén con infinita ilusión ao Novás dende New York, Montreal, Alaska... onde me atope.
Noraboa ao patrocinador Acanor e ao seu xerente Moncho Vicente por apostar polo Novás, ao Concello do Rosal, ás empresas e a todos os que colaboran para que o noso club sexa un referente deportivo non só en Galicia senón xa a nivel nacional.
¡Parabéns e moita sorte para esta nova tempada 2015/16! ¡Aúpa Novás e viva O Rosal!