lunes, 22 de octubre de 2012

A XXV ROMANCHA DO CABAQUEIRO ATRAEU A CENTOS DE PERSOAS Á VILA DO ROSAL



Boas a todos/as:

Estes días andiven, ando e andarei bastante liado, polo que comezo, antes de que xa se vaia moi alá no tempo, un pequeno resumo do que aconteceu durante a Festa do Cabaqueiro.

O pasado venres 12 de outubro, con motivo da festividade da Pilarica, celebrouse no Rosal a XXV edición da Festa do Cabaqueiro (festa do telleiro), que atraeu ao municipio a centos de persoas da Comarca e arredores.

Pola mañá tivo lugar a misa solemne, oficiada polo abade párroco D. Julio Ramos Rodríguez, sendo auxilidado polo crego D. Isaac Penela Carbajales. O Coro Ecos do Folón puxo a nota musical da cerimonia. 


Unha vez rematada a Eucaristía, os fieis saíron en procesión coas imaxes da Virxe do Pilar e Santiago Apóstolo, realizando a tradicional volta á Praza do Calvario, na compaña das autoridades municipais e da banda de música da Agrupación Musical do Rosal.



Xa de tarde, entregáronse os premios e trofeos do IV Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros, e que como todos os anos, dende 2009, presentei diante da Casa do Concello.


Por ser o 25 aniversario da Festa do Cabaqueiro, estiveron presentes -entre outros- o autor do monumento ao Cabaqueiro, o escultor tomiñés José Antúnez Pousa e mesmo o pregoeiro D. Ermelindo Portela Silva, escritor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (que, por certo, foi profesor meu de Historia Medieval na citada USC).


Xunto a eles, os propios cabaqueiros e as autoridades municipais foron os encargados de entregar os correspondentes agasallos aos gañadores e a todos os participantes do IV Campionato de Futbolín na honra dos mestres telleiros do Baixo Miño.



Unha vez lido o pregón a cargo de D. Ermelindo, os cabaqueiros realizaron en dous bancos de traballo a sempre interesante e curiosa demostración de "taxicar cabacas e toupos a joucha" (facer tellas e ladrillos a man). 

O escritor, historiador e coordinador da Festa do Cabaqueiro, Xoán Martínez Tamuxe, foi o encargado de narrar como todos os anos o que alí sucedía, empregando palabras e expresións no "latín ou verbo dos daordes" que foron moi aplaudidas.


Na demostración cabaqueira estiveron lasquea que lasquea, Juan Vicente, Benito "Pinta", Manuel "Trintiña", Pepe "Cuncho", Esteban, Paco "Campelo", Dino, Juan Pérez, Luis Garrido, Telis, Alfredo, Juanciño, Avelino e Manuel "Piedra".


Como é tradicional os telleiros baixomiñotos, unha vez rematada a demostración realizaron a "foto da amizade" diante do Monumento ao Cabaqueiro, na compaña do alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, o coordinador da festa Xoán Martínez Tamuxe, a concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo e os mencionados Ermelindo Portela Silva e José Ántunez Pousa.