Hai uns días veño de dirixir unha visita guiada e un obradoiro para unha vintena de nenos/as do CPI Manuel Suárez Marquier, á zona dos petróglifos de Laxe do Lapón (Portecelo).
Iniciouse esta ruta no límite entre A Guarda e O Rosal, xusto no comezo do tramo rosaleiro do Camiño Portugués pola Costa a Santiago de Compostela.
Esta actividade estivo organizada polo Concello do Rosal, acompañándonos na visita a propia concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, varios pais/nais dos pequenos e aínda algunhas veciñas de Portecelo que se uniron ao grupo á metade do percorrido.
Durante o paseo lembreille aos nenos/as que precisamente O Rosal forma parte do recentemente recoñecido Camiño Portugués pola Costa, cun percorrido de 3 quilómetros, entre Portecelo e Sanxián.
Unha das características deste tramo é que discorre sobre unha vía militar, probablemente a vía Per loca Marítima (camiño romano de comunicación), que enlazaba todos os castros da costa, saíndo dende Tui (Castellum Tyde) e pasando por Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, etc., ata Vigo (Vicus Spacorum).
A segunda parte da actividade foi a parada nos gravados rupestres de Laxe do Lapón e realizar un obradoiro de calcos de petróglifos que consistiu en limpar un
pouquiño a zona do gravado, para, a seguir, situar sobre o mesmo un papel
branco. Provistos tamén de papel carbón, o seguinte paso foi proceder a fregar
con el, enriba das posibles figuras.
O resultado final, grazas á tinta do papel
carbón, foi que apareceran os “calcos” das figuras que existen debaixo,
inscritas na pedra. Trátase, en definitiva, dunha das técnicas máis
aconselladas pola Arqueoloxía, xunto co debuxo e a fotografía, para coñecer os
símbolos de cada petróglifo.
Estes gravados rupestres collen o nome das rochas das
inmediacións do lugar. Datan da Época do Bronce (1800 anos a.C.)
Estes sucos, gravados, eran realizados con picos de pedra
(cantos tallados), sobre todo cuarcita marítima, moi abundante nesta zona de
Portecelo e Sanxián. Precisamente nas escavacións arqueolóxicas realizadas en
“As Cubelas” (Portecelo) entre o material atopado o que máis abundaba, aparte
da cerámica, eran os ditos cantos e lascas para mariscar.
Entre os motivos de Laxe do Lapón destacan varias
espirais, círculos concéntricos, cazoletas (coviñas), diferentes sucos. Esa
antiga poboación dedicábase á caza, ao pastoreo, á recolección e á pesca. De aí
o seu emprazamento, preto do mar.
Os seus habitantes eran sedentarios, isto é, residían
nesta zona e utilizaban estas laxes como se foran altares ao aire libre. Unha
das hipóteses máis frecuentes e
verosímiles é que os gravados das rochas aludan a crenzas
relixioso-pagás relacionadas coa Astronomía e a Natureza.
Posteriormente sobre eles graváronse números e algún
debuxo máis que poden ser de época moderna (s. XVI) e que virían a cristianizar
ese lugar.
Dende aquí, o meu agradecemento ao Concello do Rosal por confiar novamente en min para guiar esta excursión cos rapaces, xa que deles depende nun futuro próximo coñecer e defender os elementos culturais do noso patrimonio.