martes, 30 de octubre de 2012

ENTREVISTAS, REPORTAXES E INTERVENCIÓN NA RADIO MUNICIPAL DE TUI CON XOÁN M. TAMUXE, RAFAEL S. BARGIELA E SUSO VILA



José Font, Suso Vila, Juan Ramón, Xoán M.Tamuxe e Rafael S. Bargiela. (Foto: Nuria Patiño)

Boas a todos/as:

Despois de exactamente unha semana volvo por estes lares para contarvos un pouco as miñas últimas e humildes peripecias polo mundiño adiante. 

Estou realmente sorprendido e á vez agradecido, xa que nos derradeiros sete días foi "un non parar", entre propostas de traballo e propostas de lecer.

A finais da semana pasada, en concreto o xoves, estiven en Vigo por motivos laborais e tamén de esparcimento, percorrendo a cidade nunha pequena e sorprendente ruta organizada entre compañeiros/as. Incrible...! Se me deixan algún día publicarei esas imaxes (risas, moitas risas....)

Xa o sábado estiven realizando a reportaxe fotográfica ao equipo "grande" e ás categorías base, durante o partido de balonmán que enfrontou no Pavillón Municipal do Rosal ao Mecalia Atl. Novás e ao Bueu Atlético e  que finalmente gañou o equipo rosaleiro por 32 a 23 goles.



E o inicio desta nova semana tamén comezou forte, xa que onte veño de entrevistar a Gabriel Marcelli Carballido, un mozo rosaleiro de tan só 12 de anos que se proclamou en Valdemanco (Madrid), ¡¡Campión de España de Trial en 125 cc, categoría xuvenil!!

Hoxe, martes 30 de outubro, hai unhas horas, fomos convidados meu pai, Xoán Martínez Tamuxe, e máis eu, pola Radio Municipal de Tui e Turismo Baixo Miño ao programa "Descubrindo O Baixo Miño", que nesta ocasión presentou e moderou o propio director da emisora, José Font Moldes.

Co tema central da entrevista, as antigas tradicións da Comarca baixomiñota, compartimos os micrófonos de Radio Tui cos amigos historiadores Rafael Sánchez Bargiela e  Suso Vila.


Durante o programa, nos estudos da Radio Municipal de Tui. (Foto: Nuria Patiño Vieites)

Dende aquí o noso sincero agradecemento á técnica de Turismo, Nuria Patiño Vieites, sendo extensivo igualmente a RMT e a TBM.

Lémbrovos que xa podedes ver en varios medios de comunicación a entrevista que lle fixen ao deportista rosaleiro Óscar Vicente Rodríguez, novo Campión de España de Triatlón 2012. Déixovos polo tanto, o enlace á miña web Noticias O Rosal, e ás publicacións da mesma, por exemplo, en Galicia Suroeste, Infomiño e Infogauda. ¡¡Graciñas a todos eles!!

E non me lío máis, xa vos seguirei contando, porque esta semana tamén estou convidado a diferentes reunións e colaboracións en eventos socio-culturais do Baixo Miño.

¡¡Ata a próxima!!

¡¡Saúde!! ¡¡Bicos e apertas!!