lunes, 27 de enero de 2014

ACTIVIDADES DA AELG NO DÍA DE ROSALÍA



Velaquí vos deixo a nota de prensa que me vén de remitir a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da que, como sabedes, son membro dende 2008.

Trátase do calendario de actividades da AELG para a celebración do Día de Rosalía de Castro:

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima a cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.

O 24 de febreiro é o Día de Rosalía, por iso a AELG quere contribuír a que a súa voz siga a asombrarnos e os seus versos continúen visibelmente vivos.
Para alén das actividades propias, a AELG coorganizará con diversas institucións e colectivos sociais outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional.

A AELG  anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizará, como xa fixo en anos anteriores, un completo programa de actos con motivo da celebración pública do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento.

Con este motivo, os actos tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais segundo o calendario que segue:

A AELG proporá aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado, que divulgaremos desde o noso espazo web para darlles visibilidade social. Asemade, e como iniciativa propia deste ano, convidarémolos a que a voz rosaliana invada os muros, habilitados para tal efecto, con vontade de permanencia e os graffiteen.

Domingo 23 de febreiro, ás 12:00, no Panteón de Galegos Ilustres, terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas da autora, ademais da realización dunha ofrenda floral.

Finalmente, para o luns 24 proponse a organización de lecturas de poemas de Rosalía de Castro a partir das sete da tarde nas distintas cidades e vilas, que poderá ir precedida ou acompañada da lectura dun manifesto que a propia AELG difundirá previamente.

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.