martes, 24 de febrero de 2015

Coñecer paseando a historia do Baixo Miño

Explicacións nas inmediacións da Ponte do Tamuxe (Foto: Sara Carrera/Infomiño)

Como anunciaba nunha das últimas entradas do meu blog, este sábado 21 de febreiro celebrouse a "1ª Andaina de Santa Cruz a San Lourenzo" (A Guarda-O Rosal-Goián, Tomiño) na que colaborei como guía da vila rosaleira e na que participaron preto de 150 persoas



Cun día verdadeiramente ideal para a práctica do deporte e da "camiñada" saíuse dende A Guarda cara O Rosal, previas explicacións históricas no Castelo de Santa Cruz a cargo do amigo especialista Manuel Álvarez Pérez.



Na miña intervención nas inmediacións da Ponte do Tamuxe expliquei que esta construción -polos estudos de diversos autores e arqueólogos- suponse de orixe romana, datando a primeira cita histórica de 1293.

              Comentando a cartela da última construción da ponte. (Foto: Sara Carrera/Infomiño)

Lembrei, así mesmo, que se organizou nesta zona do Tamuxe, no lugar de Pampillón en 1644 un pequeno astaleiro do exército galego. Como curiosidade, cando os galegos tiñan xa construídos 35 barcos, foron sorprendidos polos soldados portugueses, quen incendiaron eses barcos e os seus almacéns de madeira. 



O mal estado da ponte, consecuencia desas guerras que España tivo no século XVII con Portugal por estar inmediata ao río Miño, levou a reparar e inaugurar unha nova construción, tal e como reza a cartela que hai sobre a ponte: “REINANDO DOÑA ISABEL II / SE CONSTRUYO ESTA OBRA / EN BENEFICIO DE LOS PUEBLOS / AÑO DE 1845".



Dende aquí dirixímonos ata Goián e a Fortaleza de San Lourenzo -onde nos esperaba un tercer guía- pola ribeira e polo Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe (PR-G 112), un percorrido de 7'2 km que vai dende o muíño das Aceñas ata a praia de Eiras (e viceversa). 



Pese a que a altísima velocidade que se mantivo durante toda a "andaina" semellaba mesmo unha competición, foron uns 15 km de agradables conversas e de desfrute dunha paisaxe e unha contorna certamente fermosas.



Agardando poder realizar en breve outra andaina ou actividade deportivo-cultural para seguir coñecendo a historia do noso querido Baixo Miño, recibide un cordial saúdo.

¡Bicos e apertas!