Información e fotografías: Concello de Ponteareas
O venres 29 de maio fun convidado polo Concello de Ponteareas ao II Encontro de escritores en lingua galega de temática ponteareá, baixo o lema “A importancia de difundir o local”, que se celebrou no Salón de sesións municipal.
Ademais o convite foi extensivo á presentación da revista internacional Pregón da que colaborei literariamente co artigo titulado "Un ponteareán, autor do monumento a Frei Rosendo Salvado", dedicado ao mestre escultor Alfonso Quinteiro Alonso.
Ademais o convite foi extensivo á presentación da revista internacional Pregón da que colaborei literariamente co artigo titulado "Un ponteareán, autor do monumento a Frei Rosendo Salvado", dedicado ao mestre escultor Alfonso Quinteiro Alonso.
Segundo se pode ler na súa web: "Foi unha xuntanza na que se tratou a importancia que ten para a cultura local a súa divulgación escrita e no que participaron os escritores Clodio González Pérez, Anxo Serafín Porto Ucha, Xoán Martínez Tamuxe, Estanislao Fernández de la Cigoña, Antonio José Groba Diéguez e Sofía Rodríguez Suárez".
Intervención do escritor rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe
Andrés Sampedro Fernández, concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas, "actuou como moderador do debate". O encontro tamén serviu "para brindar unha homenaxe, a título póstumo, a Maruja Pino Piñeiro polo seu seu labor como escritora e divulgadora da nosa cultura, costumes e tradicións".
Un acto moi emotivo -seguimos lendo- que "contou coa presenza da súa filla, Margot, quen recibiu un diploma e unha medalla de parte dos escritores, ademais dun agasallo de mans do alcalde, Salvador González Solla, en nome do Concello".
Posteriormente, o mesmo salón foi testemuña da presentación da revista Pregón, publicación do Concello de Ponteareas, "que recolle ano tras ano artigos referentes ao Corpus, convertíndose nunha referencia escrita e visual de todas as alfombras confeccionadas o ano anterior e que ten unha ampla difusión non só en Galicia e España, senón tamén alén das nosas fronteiras, como en Uruguai, Arxentina, Cuba, Venezuela, México, etc, onde os nosos ponteareáns que están fóra a gardan ano tras ano como un prezado tesouro".
O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, sinalou a "importancia de escribir e investigar sobre a cultura local". O edil definiu a revista Pregón, ou Revista da Festa do Corpus Christi de Ponteareas, como "unha publicación importantísima para o espallamento da nosa festa do Corpus e, asemade, unha excelente canle de difusión onde estudosos de renome poden plasmar as súas investigacións sobre o Corpus, Ponteareas e a súa comarca, contribuíndo, pois, á difusión de todo tipo de estudos de temática local".