lunes, 1 de junio de 2015

A obra eterna de Alfonso Quinteiro Alonso


Velaquí vos deixo íntegro o meu último artigo, titulado Un ponteareán, autor do monumento a Frei Rosendo Salvado, publicado na revista Pregón, presentada hai uns días en Ponteareas (Pontevedra):

O pasado ano conmemorouse na diócese de Tui-Vigo o bicentenario do nacemento de Frei Rosendo Salvado y Rotea (Tui, 1814 – Roma, 1900), misioneiro benedictino, abade e bispo de Nova Nursia (Australia), gran defensor dos dereitos dos aborixes australianos e unha das personalidades galegas máis destacadas do pasado século XIX.


Aproveitando esta sinalada efeméride, é xusto lembrar que a monumental escultura dedicada ao Pai Salvado, na Praza da Inmaculada, en Tui, de máis de cinco metros de altura e dous anos de traballo, foi realizada polo mestre pontareán, Alfonso Quinteiro Alonso. Esta obra, promovida por suscrición nacional en 1946, foi inaugurada tres anos máis tarde.


Non foi ata o ano 2007 cando tiven o pracer de coñecer ao autor   da estatua que lembra a figura de Frei Rosendo Salvado, nun acto que se celebrou precisamente na cidade tudense. En concreto, o luns 4 de xuño, mentres cubría a noticia da homenaxe na memoria do bispo Rosendo Salvado, coa presenza –entre outros- do embaixador de Australia en España, Noel Campbell e o alcalde de Tui, Antonio Feliciano Fernández Rocha.

Dito evento estivera promovido polo colectivo Australia-Spain Business Association –ASBA Galicia, liderado por Barry-Francis McGinlay e o seu obxectivo prioritario era estimular as relacións entre Galicia e Australia.


Guiados así mesmo polo cóengo Avelino Bouzón percorremos xuntos lugares ligados a Frei Rosendo, como foi a súa casa natal, na rúa que leva o seu nome ou tamén a propia catedral de Tui. Un dato curioso é que Rosendo Salvado ven sendo oriundo -por parte de pai- da parroquia de San Bartolomeu das Eiras (O Rosal-Pontevedra).

O colofón desta homenaxe, sen dúbida, foi o descubrimento -a cargo do embaixador australiano- dunha praca na escultura de Quinteiro Alonso que rezaba: “EN GRATITUDE AO TUDENSE FREI ROSENDO SALVADO POLO TRABALLO APOSTÓLICO E O INMENSO LABOR REALIZADO COS ABORIXES AUSTRALIANOS NO CLX ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DE NOVA NURSIA”.

Alí presente, e atento a canto se dicía e facía, estivo o escultor, debuxante e pintor de Ponteareas, Alfonso Quinteiro Alonso (1924-2009), ilustre deseñador das alfombras florais do Corpus Christi da vila e aínda pregoeiro da Festa de 2007.


A figura de Rosendo Salvado está realizada en bronce, sobre un pedestal de granito, completándose o conxunto cuns cisnes e unha muller aborixe amosando unha cruz ao seu fillo, ademais de varias conchas de vieiras en forma de recipiente, rodeados dun fermoso e axardinado estanque.

En maio cumpríronse, pois, seis anos do falecemento de Quinteiro Alonso, pero a súa obra, e en concreto a monumental estatua a Frei Rosendo Salvado, serán, sen dúbida, eternas.

Autoría das imaxes:
Foto 1 e 2: extraídas da páxina web de Alfonso Quinteiro Alonso.
Fotos 3, 4 e 5: Juan Ramón Martínez Barbosa.

BIBLIOGRAFÍA:
Exemplares de Faro de Vigo e La Voz de Galicia.
FREIRÍA, Eduardo. Monumento a Dom Rosendo Salvado. Patrimoniogalego.net.
IGLESIAS ALMEIDA, Ernesto. Xenealoxía do Bispo Salvado. Exposición Frei Rosendo Salvado (1814-1900). O Bispo dos Sen Alma. Tui, 2001.
SÁNCHEZ BARGIELA, Rafael. Lembranzas de Alfonso Quinteiro Alonso. Blog Tudensia,1 de xuño de 2009.
QUINTEIRO ALONSO, Juan José. Web de Alfonso Quinteiro Alonso. Dibujante, escultor, pintor y maestro. 2009.