martes, 10 de noviembre de 2015

1º Premio para Vacaloura Teátrica e Félix Álvarez

O director de teatro do Rosal, Félix Álvarez Rodríguez (Pancenteo, 14 de abril de 1985) vén de gañar coa súa compañía Vacaloura Teátrica o Primeiro Premio do prestixioso certame de creadores novos, Xuventude Crea 2015, convocado pola Xunta de Galicia, en concreto pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Félix, que viviu durante a súa xuventude no Calvario, múdase no ano 2004 a Santiago de Compostela para estudar Ciencias Políticas, onde comezou a desenrolar o seu interese polas artes, tales como a música, a escritura e posteriormente o teatro, principal actividade á que se adica dende o 2009.

O noso veciño comezou como actor na veterana Compañía Universitaria Teatro da Falúa, (a cal tivemos ocasión de ver no auditorio do Rosal o outubro pasado coa obra Falua's Flying Circus), obtendo numerosos premios tanto no ámbito universitario como en diversos certames ao longo de toda a xeografía galega. 

Dende novembro do 2014, Félix é co-fundador e presidente da Asociación Cultural Vacaloura Teátrica, na que comeza unha nova etapa como director e na que escribe o seu primeiro guión teatral, Mousike e as Kronomusas, "unha viaxe no tempo sobre a historia da música en clave de humor", e coa cal, como vos anuncio, este 9 de novembro, vén de acadar o primeiro premio do certame Xuventude Crea da Xunta de Galicia, dotado con 3000 €, sendo o maior galardón do teatro afeccionado da nosa Comunidade



GAÑADORES DA ESPECIALIDADE DE TEATRO

1º Premio:
- Vacaloura teátrica, coa obra “Mousike e as Kronomusas”

2º Premio:
- Pinchacarneiro Teatro, coa obra “Vilar de inferno”

3º Premio compartido:
- Non si? Teatro, coa obra “Variacións dun soño sen título”
- Fusco e Lusco do IES Universidade Laboral de Ourense, coa obra “Vodas de
sangue”.

¡Dende aquí, NORABOA a todos os/as integrantes de Vacaloura Teátrica e como non, especialmente a ti, Félix!