miércoles, 13 de noviembre de 2013

EXPOSICIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DOS MEDOS (CURRÁS, CONCELLO DE TOMIÑO)




O pasado sábado 9 de novembro asistín co meu pai, Xoán Martínez Tamuxe, a unha exposición guiada con material procedente do importante xacemento arqueolóxico dos Medos*, que tivo lugar na Casa da Comunidade de Montes de Currás (Tomiño).




Os encargados das correspondentes explicacións foron os propios directores das escavacións, os doutores en Arqueoloxía, Silvia González Soutelo e Fermín E. Pérez Losada.



A través de oito paneis e unha mesa con diferentes restos atopados nesta segunda campaña, os visitantes puideron coñecer e admirar a categoría desta vila romana de Currás.



Igualmente os asistentes tivemos a oportunidade de ver en primicia o estreo da gravación efectuada polo equipo de TV "Desde Galicia para el Mundo", onde apareceron tanto imaxes do traballo no propio xacemento, como entrevistas aos directores e ao único "supervivente" daquel descubridor "Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño", Xoán Martínez Tamuxe.



Coincidindo coas festas patronais na honra de San Martiño, aparte desta mostra, celebrouse un obradoiro de coiro a cargo de Antonio Mesperuza, veciño de Currás.


Tamuxe (no centro), cos directores Silvia e Fermín

*O xacemento arqueolóxico dos Medos é unha vila romana e unha necrópole cristiá-visigótica descuberta en 1972 polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño, integrado por Jesús Gómez Sobrino, Aquilino González Santiso e o propio Xoán Martínez Tamuxe.

Reportaxe fotográfica completa da exposición, aquí.