O pasado venres 15 de novembro, despois da visita a La Casa Taller, achegueime con Gemma e Julio ata o Centro Social Fuscalho*, tamén de A Guarda, para asistir á presentación do libro Historia de Galicia, da autoría do recoñecido catedrático e doutor, Anselmo López Carreira.
Neste acto cultural puiden saudar entre o público, ademais da propia xente do "Fuscalho", ao cabaqueiro e artesán rosaleiro, José Álvarez Alonso "Buraco" e ao estudoso guardés, José Antonio Uris Guisantes.
Cunha magnífica oratoria, o historiador galego López Carreira cautivou aos asistentes explicando os pormenores dun libro que contén máis de 300 páxinas e que pretende ser claramente divulgativo, "focalizado dende unha perspectiva na que Galicia constitúe o seu propio centro".
Dende aquí, a miña noraboa a Anselmo López Carreira pola publicación deste seu novo libro e ao C.S. Fuscalho, por acoller este tipo de iniciativas culturais.
*O Centro Social Fuscalho atópase en nova localización dende o 25 de outubro, isto é, emprazado no antigo local do restaurante Balueiro, no Paseo Marítimo de A Guarda.