Segundo me comunican dende a Asociación de Escritores en Lingua Galega, este venres 29 de novembro celebrarase no Centro de Convivencia de Fingoi (Lugo) a vixésimo sexta edición das Polafías, un proxecto da súa Sección de Literatura de Tradición Oral.
Nesta ocasión, conta co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, levando por título "Historias, rimas, cantos, contos..."
Antonio Reigosa presentando a Polafía na vila da Guarda. (Foto: Galiciasuroeste.info)
Para este acto a AELG conta coa colaboración de Paco Martín (escritor), Toño Núñez (escritor e profesor), Dictino Rodríguez Lázare (exfutbolista), Isidoro Rodríguez (dinamizador da cultura popular), Marcelino Castro Pena (narrador), Ana Mª Gómez Pérez (narradora) e de Isidro Novo (recitador).
O evento estará amenizado musicalmente pola Agrupación Xeada, Pepa Yáñez e Branca Villares, o Grupo de Pandeiretas da Asociación Cultural Son de Cores (Becerreá) e Os Minhotos.
Imaxe dos asistentes á Polafía celebrada no Centro Cultural da Guarda. (Foto: Galiciasuroeste.info)
Teño que lembrar que o pasado ano 2012, tamén neste mes de novembro, en concreto o día 16, celebrouse no Centro Cultural da Guarda unha "Interesante, enriquecedora e divertida Polafía", coordinada por Antonio Reigosa Carreiras, responsable da Sección de Literatura Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.