O vindeiro sábado 12 de abril, tal e como se ten anunciado, celebrarase no Auditorio Municipal o II Recoñecemento ao Mérito Deportivo do Rosal, un solemne acto que terei a honra de volver a coordinar e presentar.
Alí se homenaxearán aos clubs e deportistas da vila, dende o 2011 ata a actualidade. Tal e como se lembra dende a web Noticias O Rosal "a I edición deste acto tivo lugar o 20 de febreiro do pasado 2011. O estudo e presentación correu a cargo de Juan Ramón Martínez Barbosa, daquela membro do Departamento de Cultura, quen realizou un exhaustivo percorrido profundizando na historia de cada club, así como repasando o currículum persoal dos deportistas máis destacados dende mediados do século XX ata a actualidade".
Pois iso, nesta ocasión recoñeceranse os méritos acadados polos deportistas rosaleiros durante o período 2011-2014, e como na primeira edición, realizouse unha pequena "criba" e instaurouse un inevitable raseiro: quedar clasificado/a entre os tres primeiros de Galicia en calquera modalidade.
Quero transmitir, tal e como dixen hai tres anos -e por suposto, tamén en nome do Concello, organizador do evento-, a miña admiración, respecto e felicitacións "a aqueles e aquelas que participaron ou gañaron algunha proba a nivel local, trofeos no Rosal ou no Baixo Miño e aínda a nivel de Pontevedra (os coñecidos campionatos territoriais e provinciais)".
Por último, agradecer aos deportistas e clubs o remitir a información e os seus currículums para que este acto se poida volver a celebrar. En verdade, é incrible como nunha pequena gran vila de pouco máis de 6000 habitantes converxen e destacan tan bos deportistas, algúns e algunhas do máximo nivel nacional e internacional.
Xa sabedes, o sábado 12 de abril, non vos perdades a oportunidade de recoñecerlle aos vosos veciños o seu mérito deportivo.
¡Ata entón, moita saúde! ¡Bicos e apertas!