Hoxe, martes 1 de xullo, achegueime ata o barrio de Caselas (Fornelos-O Rosal) tras recibir a invitación do escultor da vila, Julio Martínez Martínez, para coñecer no seu taller a súa última obra.
Trátase dun busto -a piques de ser rematado- dun coñecido persoeiro xa falecido, que foi encargado por un particular e que marchará estes días rumbo a Porriño. O seu tamaño ronda os 70 cm de alto polos 50 cm de ancho (con estas proporcións "reais" estaríamos falando dunha persoa que mediría uns 3'20 metros... ¡case nada!).
O rosaleiro Julio Martínez Martínez segue desta maneira coa súa autodidacta, progresiva e, a bo seguro, imparable faceta artística. De feito, a súa excelente calidade escultórica, á vista queda... da calidade humana, só vos convido a que o coñezades. De 10.
E falando de 10... ¡Xa vos anuncio -con orgullo e satisfacción- que Julio Martínez colaborará co evento deportivo-cultural 10k O Rosal Feira do Viño! En concreto na andaina, pois os participantes tamén poderán disfrutar da visita -preto da Pesqueira- a unha idílica exposición ao aire libre con diferentes obras da súa autoría.