Inauguración do IX Ciclo de mesas redondas “Escritoræs na Universidade” co lema «Como escribir o futuro?»
Velaquí vos deixo esta nota de prensa que me foi remitida hoxe pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega.
O vindeiro mércores 17 de setembro, ás 13.00, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, inaugurarase a novena edición deste ciclo, cunha mesa redonda sobre narrativa cos escritores Ledicia Costas e Manuel Portas
Coa colaboración da Secretaría xeral de política lingüística e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o ciclo propón para este outono unha serie de mesas redondas que achegan ao alumnado universitario, e á sociedade en xeral, a oportunidade de escoitar os autores/as analizando a súa obra persoal, cada ano desde un prisma diferente que vén dado polo lema do ciclo, que nesta edición é “Como escribir o futuro?”.
O ciclo estrutúrase en tres mesas redondas correspondentes a cadanseu xénero literario. A primeira, “Ficción ou dicción? Como escribir unha verdadeira novela contemporánea?”, sobre narrativa, inaugura o ciclo coa presenza dos narradores Ledicia Costas e Manuel Portas.
A seguinte, que terá lugar o 24 de setembro no mesmo lugar e hora, abordará a cuestión desde o xénero poético coa participación de Rosalía Fernández Rial e Samuel L. Paris, que falarán de como conciben o futuro discurso poético nunha mesa titulada “E que faremos do lirismo? A pantasma da poesía dos oitenta”.
Rematará o 8 de outubro, tamén ás 13.00 no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, coas reflexións sobre novas linguaxes e tendencias escénicas de Celso Fernández Sanmartín e Paula Carballeira baixo o título “Contar ao carón da lareira en tempos dixitais. Existen novas linguaxes na oralidade?”.
Máis información aquí.