martes, 28 de octubre de 2014

Tomiño, exemplar defensor do seu Patrimonio


O pasado sábado 25 de outubro, tal e como vos comentaba nunha entrada anterior, asistín á inauguración da interesante mostra "Tomiño Romano. O xacemento de Currás", que estará aberta na Casa da Cultura ata o vindeiro domingo 9 de novembro, todos os días de 11 a 14 e de 17 a 20 horas.


Este acto, organizado polo concello tomiñés, contou coa presenza -entre outros- de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, as concelleiras de Cultura de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, membros da comunidade de montes e da asociación veciñal de Currás, etc.


Non podían faltar, por suposto, os coordinadores do estudo e investigación, con Fermín Pérez Losada e Silvia González Soutelo ao fronte, que foron os encargados de explicar e guiar ao público asistente pola exposición.


O historiador Xoán Martínez Tamuxe, como xa indiquei en varias ocasións, foi convidado a Tomiño como o único "supervivente" do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño que descubriu esta vila e necrópole de Currás, en 1972. 


En palabras da alcaldesa, Sandra González, "dende o concello quixemos recoller o facho de luz que prenderon investigadores como Jesús Gómez Sobrino, Aquilino González Santiso e Xoán Martínez Tamuxe, cando hai máis de 40 anos, con máis vontade que recursos, levaron a cabo unha admirable escavación: a villa romana de Currás. A eles debémoslle a recuperación das vellas pedras que algún día foron a vivenda dun persoeiro destacado da tardorromanidade".


Durante a inauguración proxectouse un vídeo emitido no coñecido programa "Desde Galicia para el Mundo" e creáronse para a ocasión diferentes paneis explicativos, xunto coa propia mostra de material atopado nas distintas escavacións e pezas arqueolóxicas cedidas polo Museo Diocesano de Tui ou dos fondos do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo.


Destacar a publicación dun catálogo editado polo Concello de Tomiño, con textos e imaxes dos propios Fermín e Silvia, xunto con Adolfo Fernández Fernández, Patricia Valle Abad, Manuel Xusto Rodríguez e Beatriz Comendador Rey.