Segundo me comunican dende a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), dito colectivo disponse a "conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, data na que propoñemos á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor.
Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, tal e como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Para alén das actividades propias, a AELG coorganizará con diversas institucións e colectivos sociais outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional.
Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema "Eu son Rosalía". Así, propúxose aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, convidando a comunidade escolar a realizar actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada alumna e alumno descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada/o, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”, gravacións que a AELG subirá á esta web.
Esta iniciativa esténdese a institucións, movementos asociativos e a todas as persoas que se quixeren sumar, particularmente ás Socias e Socios da AELG. A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria. Pódesnos enviar a túa gravación por correo electrónico ou ben subila á web e enviándonos a ligazón, sempre a oficina@aelg.org.
A AELG está elaborando o seu manifesto anual para esta celebración, que se lerá ás 12.00 do domingo 22 de febreiro no acto central no Panteón de Galegos Ilustres.
Para o 24 de febreiro promoverá, a través da súa base asociativa, outros en diversas cidades e vilas do país. Se tes interese en organizar ese día unha lectura colectiva da obra rosaliana na túa vila ou cidade, por favor, fáinolo saber antes do 6 de febreiro en oficina@aelg.org e desde a secretaría técnica facilitarémosche o manifesto da AELG para ler nese acto e máis un cartel específico, ademais de colaborar na difusión a través da prensa local e redes sociais.
Tamén para o 24 de febreiro a AELG proporá unha franxa horaria e un cancelo (#) para compartir nas redes sociais as particulares homenaxes á insigne poeta galega Rosalía de Castro, voz para todo o presente porque “Todas somos Rosalía!”
Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 33, sumándose tamén as Deputación da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais".