jueves, 12 de febrero de 2015

Andaina especial por A Guarda, O Rosal e Tomiño

Na Fortaleza de San Lourenzo (Goián-Tomiño) hai uns anos

Non vos esquezades que o vindeiro sábado 21 de febreiro realizarase unha andaina especial -na que colaborarei como guía por parte da vila do Rosal- que leva por título "De Santa Cruz a San Lourenzo" e que permitirá coñecer estas dúas fortalezas e o seu contorno.

Tal e como se indica na nota de prensa do Departamento de Turismo da Guarda, enviada aos medios de comunicación "trátase dunha ruta interpretativa organizada polos concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda. A andaina contará con tres guías que explicarán tanto a importancia histórica das fortalezas transfronteirizas como o interese natural da ribeira do Miño".


Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe (O Rosal)

"A ruta duns 13 km comeza no Castelo de Santa Cruz (A Guarda) ás 9.30 horas, coas explicacións do guía. Camiñarase cara o barrio da Gándara e a desembocadura do Tamuxe para enlazar coa Senda dos Pescadores no veciño Rosal e continuar pola beira do río ata a fortaleza de San Lourenzo en Goián. A  ruta está previsto que remate ás 14.00 horas".


No Castelo de Santa Cruz (A Guarda) en 2013

Esta andaina -como se lembra- é gratuíta pero precisa inscrición previa porque empregaranse autocares para os traslados dos participantes.

O autobús para os inscritos en Tomiño sairá ás 9:00 horas dende o antigo embarcadoiro de ferry en Goián, despois recollerá aos veciños do Rosal nos puntos indicados e deixará aos participantes no Castelo de Santa Cruz. Aqueles que comecen no castelo disporán dun autocar que os traerá de volta ao concello da Guarda.


Os interesados poden inscribirse ata o luns 16 de febreiro nos concellos organizadores:

A Guarda: 986 61 45 46
O Rosal: 986 62 50 00
Tomiño: 986 62 20 01