martes, 19 de mayo de 2015

A web cultural "Noticias O Rosal" cumpre 7 anos


Boas a todos/as!

Pois si, é un pracer comunicarvos que este mes cúmprense exactamente ¡¡7 anos!! da fundación da web cultural Noticias O Rosal.

Un 16 de maio de 2008 deume por crear un blog -en galego, apolítico e independente- sobre a miña querida vila rosaleira, que, por certo, a día de hoxe, se mantén na Rede sen ningunha axuda económica pública ou privada. 



Pensándoo ben co paso dos anos, quizais -seguramente- influíu daquela o repentino falecemento, días antes, dun dos mellores profesores que tiven, Xosé Carlos Gómez Alfaro (ademais de gran escritor e magnífico poeta). Non en van, este blog persoal dende o que vos escribo tamén naceu por aquelas datas, sendo a primeira entrada, unha pequena homenaxe á súa persoa.

Pola súa banda, o amigo escultor rosaleiro Julio Martínez foi o protagonista da primeira noticia da web, con motivo dunha exposición súa na vila da Guarda. 



Aínda que dende 2013 xa non se realizan reportaxes fotográficas, Noticias O Rosal segue compartindo na web e nas redes sociais (con miles de seguidores) as novas máis salientables do día a día da vila e dos seus veciños.

Como director de Noticias O Rosal, a "web cultural e voluntaria da información do Baixo Miño", o meu sincero agradecemento a todos/as por estar aí durante estes 7 anos. 



Sempre que a ilusión e o meu "tempo libre" o permitan, podo asegurarvos que se seguirá actualizando. ¡GRACIÑAS!

¡Saúdos a todos os lectores/as, que aínda que a páxina "fale" en galego, seguídela dende México, Suiza, Estados Unidos, Portugal, Francia, Reino Unido, Brasil, Alemaña, Venezuela, etc, etc! 

¡Bicos e apertas!