A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega celebrará o sábado 6 de xuño en Vilaboa (Pontevedra) a XXI edición da Homenaxe "A/O Escritor/a na súa Terra", recaendo "por decisión da Asemblea de Socias e Socios na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo". (Foto: Vítor Vaqueiro).
Segundo a AELG, "esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe".
"Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha moreira branca elixida polo propio autor), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso o Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo".