lunes, 15 de febrero de 2016

As Escritoras/es en Lingua Galega, a polo 2016


Asinando o libro dos Muíños do Folón, escrito na compaña de Xoán Martínez Tamuxe

Boas a todos/as!

Coméntovos nesta nova entrada, que a nosa activa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) "celebrou na mañá do sábado 13 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, que acordou outorgar a Dolores Macías Pose, e a Mini e Mero os PremiosMestres/as da Memoria 2016, galardóns que se entregarán na I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo o 19 de marzo.

Tamén o nome do Escritor/a Galego/a Universal 2016, distinción que recollerá Pere Gimferrer na I Gala do Libro Galego que terá lugar o 14 de maio na cidade de Santiago de Compostela. 

Así mesmo, acordouse que Helena Villar Janeiro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo segunda edición; será no mes de xuño no Concello de Rianxo.

Aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro; o programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da escola de escritoras e escritores.


Tamén a organización ou corganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores/educadores/mediadores da lectura. Igualmente se reforza o proxecto coordinado pola sección de Literatura Oral coa celebración dunha gala dos premios mestres e mestras da memoria e a través da celebración de novas polafías e dunha nova edición, a novena, da xornada de literatura de tradición oral.

Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada socia/o conta no centro de documentación da web da aelg.

Tamén se acordou a incorporación de tres novas vogalías ao Consello Directivo da AELG, as de Ledicia Costas por Vigo, Ramiro Torres como responsábel de comunicación, e mais Afonso Becerra como vogal de literatura dramática.

Anunciouse a creación dunha Sección de Literatura Dramática e confirmouse a participación activa da AELG na plataforma Seguir creando".



Por certo, teño que agradecer e lembrar antes de rematar este post, que en marzo deste 2016 fará un ano que dende a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega me elixiran "Autor da semana" no facebook. Prometo, pois, seguir traballando e escribindo en prol da nosa cultura, do noso patrimonio e das nosas xentes. 

¡Ata a próxima! ¡Saúde para todos/as! ¡Bicos e apertas!