domingo, 7 de febrero de 2016

Un libro en galego e unha flor no Día de Rosalía

A nosa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), tal e como se pode ler na súa web, disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes

Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a  celebrar o  Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra: 

Educación secundaria e bacharelato

Propoñemos o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte: 

Trocando en sonrisas / queixiñas e choros

Que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía.

Esta acción pode realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo. 

Educación infantil e primaria

A AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a seguinte estrofa de “Alborada”, tamén de Cantares gallegos:

Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo. 

Agradecemos que nos comuniquedes (oficina@aelg.org) a vosa intención de participar desta iniciativa, para a facer constar nesta mesma páxina web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual...) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.