Este mércores 23 de abril celébrase en todo o mundo o Día do Libro. (Por suposto, recoméndovos que leades os catro libros que escribín -en galego- xunto con Xoán Martínez Tamuxe).
Segundo me comunican dende a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, "conscientes da relevancia desta data e da importancia do libro e da lectura no conxunto da cidadanía, a AELG xunto á Compañía de Radio Televisión de Galicia e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), botan a andar unha iniciativa a través da web da CRTVG e de Twitter que, baixo o hastag #engalegoleo, pretende animar o conxunto da cidadanía a recomendar un libro en galego, a explicar por que lles gusta ler, que é a literatura para cada un..."
"En definitiva, trátase de darlle, no Día do Libro, protagonismo esencial á lectura como unha fonte de pracer e compartilo co resto dos internautas-lectores/as-escritores/as que ese día queiran participar".
"A páxina web de referencia é ésta, pero pódese acceder a través do dominio xeral (crtvg.es) desde un banner habilitado para tal efecto".
¡Bicos e apertas para todos/as... e a ler en galego!