viernes, 12 de diciembre de 2014

Acto literario en lembranza de Miguel G. Garcés


Hoxe, venres 12 de decembro cúmprense 25 anos do pasamento do poeta Miguel González Garcés*. Como homenaxe e lembranza, a AELG (Asociación de Escritores/as en Lingua Galega) organiza ás 19:45 horas, na Biblioteca Pública da Coruña, que leva o seu nome, un acto poético-musical.

Intervirán Cesáreo Sánchez Iglesias, como presidente da AELG e os/as poetas Luz Pozo Garza, Xulio López Valcárcel, Lino Braxe, Olga Patiño, Miguel Mato Fondo, Estíbaliz Espinosa, Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán-Vello, ÁAnxeles Penas, Xavier Seoane e Manuel Álvarez Torneiro.

Na parte musical participan César Morán e Xosé Taboada. Como presentador actuará o tamén escritor Francisco X. Fernández Naval.

*MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana. 
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.