Segundo me veñen de comunicar dende a AELG, a Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega terá lugar o sábado 9 de maio ás 20:00 horas no Salón Rexio do "Círculo de las Artes de Lugo".
Neste acto coñeceremos os gañadores dos Premios AELG 2015 nas modalidades de Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil, Poesía, Narrativa, Tradución, Teatro, Xornalismo Cultural e Mellor Blog Literario ás mellores obras de 2014.
Tamén o premio Mestres e Mestras da Memoria, que se concede nesta terceira edición a Josefa Arias e Emilio do Pando. O premio Institucións, que este ano será para o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación de Medios en Galego. Ademais o Premio AELG 2015 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor brasileiro Luiz Ruffato.
No transcurso da gala a AELG tamén entregará a distinción "Bos e Xenerosos" aos xornalistas Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao, Tareixa Navaz e Xosé María García Palmeiro.
A actuación musical correrá a cargo de Abraham Cupeiro e Iago González: Os sons esquecidos.