miércoles, 28 de agosto de 2013

¡ÁNIMO, O ROSAL! INDESCRIPTIBLE TRISTEZA NA ALMA QUE TODOS TEREMOS QUE SUPERAR


Esta semana, que comezou o luns 26 de agosto cambioume, sen lugar a dúbidas, a vida. A miña... e a de moitos dos meus amigos e veciños.


Cunha indescriptible tristeza na alma, vin como aquel infernal lume atacaba sen piedade nin tregua a algunhas das fermosas poboacións da Comarca do Baixo Miño, e entre elas, a miña, O Rosal.


Sinceramente, non teño ganas nin de falar, nin de escribir nin de nada. Graciñas a todos/as por preocuparvos, polas vosas chamadas e mensaxes de apoio. Só vos pido tempo para recuperarme e volver á miña actividade vital e laboral normal. Algúns e algunhas xa sabedes do incalculable amor que profeso á vila que me viu nacer.


Estes días estiven cos afectados e realicei as fotografías que nunca querría sacar, inmortalizando dramáticos momentos que xamais pensei que viviría.


Non vou a dicir moito máis, tan só que se realmente este incendio foi intencionado, por favor, que todo o peso da lei caia sobre ese ou eses individuos, porque isto non ten nome. 


Para que vos fagades unha idea, O Rosal, xardín do Baixo Miño, un dos pulmóns da Natureza do sur de Pontevedra, necesitará, ao igual que os demais concellos afectados por este descomunal incendio, "varias décadas para recuperar o equilibrio medioambiental que tiña antes", segundo declaracións de Agustín Ferreira, presidente de ANABAM, á Radio Municipal de Tui


Para non afondar máis nunha ferida que tardará moito tempo en cicatrizar, déixovos de momento algunhas imaxes, só da ruta dos muíños do Folón-Picón, que fixen hoxe tras realizar unha  nova inspección sobre o terreo co amigo Sergio Rodríguez "Trinta".


Quedareime co Paraíso, co Edén, que O Rosal e os seus muíños foron, son... e terán que seguir sendo coa axuda de todos/as.

¡Graciñas a aqueles que colaborades para a extinción deste incendio. Oxalá se extinga axiña e moito ánimo a toda a xente do Baixo Miño!

¡Unha forte aperta!