jueves, 7 de mayo de 2015

Primeiro paseo polo Vigo literario, o sábado 9


Segundo se lembra dende a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), este organismo, coa colaboración da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, leva os seus paseos literarios a esta cidade, onde o vindeiro 9 de maio, con saída na Oliveira ás 11:30 horas, terá lugar o primeiro, da man de Pedro Feijoo.

No Paseo de Afonso XII, no número 2, ten o seu estudio o inefable Simón Varela, desde onde podemos baixar até a Porta do Sol, perdéndonos polo caso vello da cidade, tras os pasos de Daniel e León Beiroa. Desde a Porta do Sol e o teatro García Barbón até o calexo dos Caños, onde a Simón e a Mariña case lle parten os fociños os secuaces de herr Wessler, para descubrir a historia da vella rede de túneles esquecidos da cidade. A continuación baixariamos até a Alameda e desde aí ao Náutico, para, na compaña do mesmísimo Verne, botar un ollo ao noso redor, á procura da cidade case desaparecida...
Unha cidade chea de historia aínda visible para uns ollos atentos...
Para se inscribir hai que enviar o nome completo e teléfono ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (indicando a cal ou cales paseos se quere ir). A asignación das 50 prazas de cada paseo farase por orde de chegada da solicitude.
Toda a información aquí.