É para min todo un pracer anunciarvos que o vindeiro sábado 21 de decembro terá lugar a inauguración do Bodegón-Tapería "Os Seixiños" un novo local no Baixo Miño, coa xerencia do amigo Sergio Rodríguez Rodríguez "Trinta", que conxugará e promoverá dende A Gándara (A Guarda-Pontevedra) a gastronomía, a cultura, o lecer e o turismo da nosa fermosa Comarca.
Por iso, todo o meu apoio e colaboración para Sergio "Trinta", valente emprendedor -apenas 27 anos de idade- pero con ampla experiencia no sector da hostelería, que intentará nestes complicados tempos levar a bo porto esta ilusionante iniciativa.
Vista parcial da Gándara, hai uns días, dende a terraza superior do "Bar do Trinta"
Segundo me afirmaba Sergio nunha entrevista que lle realicei recentemente, a súa nai, Mary, e os seus avós, Carmen e máis Eduardo, son da Gándara; pasando -confesa- parte da súa infancia polas mesmas terras nas que abrirá esta semana a súa tapería.
Como non podía ser menos, dende aquí, o meu respeto e sentida lembranza tamén para os seus outros avós, falecidos este mesmo ano, os rosaleiros Elisa e Manuel (o xenuino e mítico cabaqueiro "Trintiña").
Tamuxe e Trintiña. (Fotos: J.R.// Mary Rodríguez)
Certamente, a particular historia de amizade e colaboración do meu pai, Xoán Martínez Tamuxe e máis eu con "Trintiña" e a súa familia durante moitos anos, segue agora, polo tanto, na persoa do seu neto Sergio.
Como escribín no post da homenaxe en Goián "sempre lembrarei con emoción e cariño a primeira entrevista que lle realicei a Manuel "Trintiña" o 5 de xuño de 2008, que serviu para inaugurar esa sección en Noticias O Rosal".
Sen dúbida Manuel Rodríguez "Trintiña" estaría orgulloso do seu neto, xa que Sergio quere que este novo local sexa un lugar de permanente lembranza e homenaxe da cultura cabaqueira pola que el tanto loitou e por suposto, de encontro, organización de eventos, bo comer e lecer para as diferentes xeracións que ata alí se acheguen.
Non en van hai que lembrar que tanto a vila do Rosal como a parroquia de Salcidos (á que pertence A Gándara) foron terra dos mellores cabaqueiros da época.
O grupo A Boalleira actuando hai uns días na apertura do Castelo de Santa Cruz
E non me lío máis. Como xa vos dixen, só me queda convidarvos a reunirnos o vindeiro sábado 21, a partir das 16:00 horas, na festa de inauguración do bar do Trinta, o Bodegón-Tapería Os Seixiños. O evento contará coa actuación do grupo de gaitas A Boalleira (16:30 horas) e haberá unha degustación de variedade de típicas tapas galegas ofrecidas polo local (de 19 a 21 horas).
¡¡Moita sorte Trinta e graciñas de corazón a ti e a túa familia por seguir confiando en min. Contade comigo para o que sexa. Unha aperta!!
Máis información: https://www.facebook.com/obardotrinta