lunes, 22 de octubre de 2012

VISITA AOS PETRÓGLIFOS DE LAXE DO LAPÓN E RUTA POLO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA



Hai uns días veño de dirixir unha visita guiada e un obradoiro para unha vintena de nenos/as do CPI Manuel Suárez Marquier, á zona dos petróglifos de Laxe do Lapón (Portecelo).


Iniciouse esta ruta no límite entre A Guarda e O Rosal, xusto no comezo do tramo rosaleiro do Camiño Portugués pola Costa a Santiago de Compostela.



Esta actividade estivo organizada polo Concello do Rosal, acompañándonos na visita a propia concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, varios pais/nais dos pequenos e aínda algunhas veciñas de Portecelo que se uniron ao grupo á metade do percorrido.



Durante o paseo lembreille aos nenos/as que precisamente O Rosal forma parte do recentemente recoñecido Camiño Portugués  pola Costa, cun percorrido de 3 quilómetros, entre Portecelo e Sanxián.



Unha das características deste tramo é que discorre sobre unha vía militar, probablemente a vía Per loca Marítima (camiño romano de comunicación), que enlazaba todos os castros da costa, saíndo dende Tui (Castellum Tyde) e pasando por Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, etc., ata Vigo (Vicus Spacorum).



A segunda parte da actividade foi a parada nos gravados rupestres de Laxe do Lapón e realizar un obradoiro de calcos de petróglifos que consistiu en limpar un pouquiño a zona do gravado, para, a seguir, situar sobre o mesmo un papel branco. Provistos tamén de papel carbón, o seguinte paso foi proceder a fregar con el, enriba das posibles figuras. 




O resultado final, grazas á tinta do papel carbón, foi que apareceran os “calcos” das figuras que existen debaixo, inscritas na pedra. Trátase, en definitiva, dunha das técnicas máis aconselladas pola Arqueoloxía, xunto co debuxo e a fotografía, para coñecer os símbolos de cada petróglifo.


Estes gravados rupestres collen o nome das rochas das inmediacións do lugar. Datan da Época do Bronce (1800 anos a.C.)


Estes sucos, gravados, eran realizados con picos de pedra (cantos tallados), sobre todo cuarcita marítima, moi abundante nesta zona de Portecelo e Sanxián. Precisamente nas escavacións arqueolóxicas realizadas en “As Cubelas” (Portecelo) entre o material atopado o que máis abundaba, aparte da cerámica, eran os ditos cantos e lascas para mariscar.



Entre os motivos de Laxe do Lapón destacan varias espirais, círculos concéntricos, cazoletas (coviñas), diferentes sucos. Esa antiga poboación dedicábase á caza, ao pastoreo, á recolección e á pesca. De aí o seu emprazamento, preto do mar.


Os seus habitantes eran sedentarios, isto é, residían nesta zona e utilizaban estas laxes como se foran altares ao aire libre. Unha das hipóteses máis frecuentes e  verosímiles é que os gravados das rochas aludan a crenzas relixioso-pagás relacionadas coa Astronomía e a Natureza.


Posteriormente sobre eles graváronse números e algún debuxo máis que poden ser de época moderna (s. XVI) e que virían a cristianizar ese lugar. 

Dende aquí, o meu agradecemento ao Concello do Rosal por confiar novamente en min para guiar esta excursión cos rapaces, xa que deles depende nun futuro próximo coñecer e defender os elementos culturais do noso patrimonio.