jueves, 23 de mayo de 2013

XI ANDAINA DO ROSAL POLAS PARROQUIAS DE SAN XOÁN DE TABAGÓN E DAS EIRAS



O pasado sábado 11 de maio, ao igual que as dez anteriores edicións, guiei a "XI Andaina O Rosal. Coñece o teu concello, 2013" que percorreu as parroquias de San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras.


Con aproximadamente medio cento de participantes visitamos, en primeiro lugar, as Adegas Valmiñor, que foi o punto de partida desta ruta deportivo-cultural. Alí nos recibiron Elena e Alba, amosándonos as modernas instalacións desta adega acollida á Denominación de Orixe Rías Baixas. Dende aquí, o meu sincero agradecemento pola súa amabilidade e o seu exquisito trato.


Seguidamente e a poucos metros, coñecimos o petróglifo de Ghorgholado (manifestación rupestre de época prehistórica, cando menos da Idade do Bronce Final, 1200-100 a 700-600 antes de Cristo), os cruciformes das Ramallas, camiñamos ata a Capela da Magdalena (s.XII), a igrexa parroquial das Eiras (s. XVIII) e mesmo baixamos ata a coñecida praia fluvial.

A comezos da semana que vén publicarase na web do Concello do Rosal a reportaxe fotográfica deste evento e, a falta de confirmar o horario e o itinerario completo, a seguinte ruta, que será a "XII Andaina" terá lugar o sábado 8 de xuño, tamén de tarde.