miércoles, 17 de julio de 2013

REPORTAXE FOTOGRÁFICA E CRÓNICA DA PRESENTACIÓN DA RUTA MÁXICA DE OIA



Hai uns días, en concreto, o 4 de xullo, tal e como tiña anunciado, achegámonos ata Oia, o meu pai, o escritor e historiador Xoán Martínez Tamuxe, e máis eu, para asistir á presentación da "Ruta Máxica de Oia", que se celebrou na Oficina de Información e Turismo da vila.


Interviron neste acto os autores do proxecto Fernando Javier Costas Goberna (presidente de ACAMO e membro do Instituto de Estudios Vigueses) e Manuel Ángel Pombal Diego (profesor da Universidade de Vigo e vicepresidente de ANABAM), que explicaron todos os pormenores desta ruta que calificaron como "a oferta turística máis ambiciosa do Concello de Oia".


Unha vez presentada aos medios de comunicación e ao público asistente, procedeuse a coñecer "in situ" parte deste percorrido en vehículos apropiados (todo terreo).


A pesar do sol e a sofocante calor que "reinou" durante a visita, mereceu sen dúbida algunha achegarse ata a interesante zona de petróglifos da Pedreira ou ás inmediacións das coñecidas Pozas de Mougás, ademais de disfrutar das impresionantes vistas cara a costa atlántica.


Esta ruta contou coa presenza, entre outros, do alcalde de Oia, Alejandro Rodríguez Rodríguez, o presidente de Anabam, Agustín Ferreira Lorenzo, o presidente da Comunidade de Montes de Mougás, Venancio Miniño, así como da técnica de Turismo de Oia, Sheila González e a fotógrafa da vila, Lorena González


Destacar así mesmo o incansable traballo dos meus colegas xornalistas Antón Ferreira Lorenzo (coordinador de Galicia Suroeste e correspondente de Atlántico Diario) e Jorge Alonso Daldea (redactor xefe de Infomiño.com), cos que volvín a coincidir en Oia e que sempre están en busca da noticia, da mellor imaxe, sempre "ao pé do canón".