jueves, 7 de noviembre de 2013

O CONXUNTO HISTÓRICO-ETNOGRÁFICO DOS MUÍÑOS DO FOLÓN-PICÓN, ÚNICO NO MUNDO




Hai pouco máis dunha semana, o mércores 30 de outubro -e dous meses despois do peor incendio nos últimos anos na comarca do Baixo Miño- decidinme por fin a visitar de novo e a comprobar o estado dunha das miñas paraxes preferidas e que sempre levo no corazón: a ruta de sendeirismo (PR-G 94) que percorre os 67 muíños do conxunto histórico-etnográfico do Folón e Picón (O Rosal, Pontevedra). Aquí vos deixo as fotografías desta visita.




Se ben a zona está bastante afectada polo lume, teño que confesar que, a simple vista, me esperaba que fose moito peor (refírome ás inmediacións máis próximas destes enxeños hidráulicos e ao sendeiro en si). De todas maneiras, claro está, tardaranse anos -e décadas- en que toda a contorna volva a ser "como antes".




O impacto na natureza, evidentemente, foi brutal. Está nas nosas mans axudar e colaborar para que unha desgraza desta magnitude non se volva xamais a repetir. 




É a nosa obriga polo tanto, concienciar aos propios veciños, adultos e nenos/as, -así como aos potenciais visitantes- da importancia de salvagardar o noso fermoso e rico patrimonio natural/cultural. 


Pola miña parte póñome á disposición de calquera persoa, institución ou entidade que avogue pola defensa dos máis famosos artefactos hidráulicos do mundo. ¿Do mundo? 


Pois si, efectivamente, o conxunto dos muíños do Folón e Picón é único: pola súa singular cantidade (67 enxeños), polo seu excepcional emprazamento e pola súa orixinal e novidosa canalización da auga.


Proba disto foi a intervención cunha ponencia de Xoán Martínez Tamuxe (coautor comigo do libro Os Muíños do Folón e do Picón na Vila do Rosal. Conxunto Histórico-Etnográfico de Galicia) o pasado 2012 no "VIII Congreso Internacional de Molinología". Alí reuníronse os maiores especialistas do tema a nivel mundial e ante as diferentes cuestións formuladas por Tamuxe, houbo unanimidade na resposta: "Efectivamente, los molinos de Folón y Picón en O Rosal (Pontevedra-Galicia) son exclusivos e incomparables".


A partir deste mes de novembro e durante o vindeiro 2014 porei o meu pequeno gran de area, organizando diferentes visitas e rutas culturais guiadas tanto pola ruta de sendeirismo dos Muíños do Folón e Picón como pola vila do Rosal en xeral. Só mostrando e dando a coñecer o noso patrimonio conseguiremos que se respecte e se valore como se merece.


¡Ata a próxima. Se non chove esta fin de semana, vémonos na tradicional Romaría de San Martiño. Graciñas a todos/as. Bicos e apertas!