jueves, 27 de noviembre de 2014

Entrevista a David Amor, que volve a O Rosal

David Amor en 2009 no Auditorio. (Foto: Silvia Rodríguez / Noticias O Rosal)

Este sábado 29 de novembro o actor e humorista David Amor actuará no Auditorio Municipal de O Rosal (22:30 horas) co seu espectáculo "Fóra de sitio 3.0". A organización deste evento corre a cargo do Acanor Atlético Novás de balonmán coa colaboración do Concello.

Velaquí vos deixo un pequeno artigo-entrevista a David, xunto con algunhas fotografías, que me foron remitidas dende o club da vila e outras da autoría de Silvia Rodríguez publicadas en Noticias O Rosal.


"David López -David Amor, artisticamente- é un dos xogadores máis mediáticos do mundo do balonmán. Dos que saen na televisión, firman autógrafos e se fotografían coas fans, aínda que o principal motivo de todo isto non é por ter xogado na liga ASOBAL ou por ser Campión do Mundo junior, se non polas súas múltiples facetas fóra da cancha.

Modelo, presentador, monologuista ou actor son algunhas delas... case nada. A excepción dun ano no que abandonou a práctica desta disciplina, sempre foi compaxinando as dúas profesións, xa que  -segundo afirma David- o balonmán "apórtalle ¡todo! Levo media vida practicando este deporte, e mentres o corpo aguante, seguirei."



Iso que a súa relación co balonmán non foi dende crío. Comezou aos 15 anos, grazas a un primo seu que xogaba no Teucro, e que xunto a afección, foi o que realmente o 'enganchou' a este deporte.

Dende o seu debut, máis de 10 clubs e convocatorias coa selección galega e española no seu expediente, e coa espiña de saber o que houbese dado se non fose por unha inoportuna lesión.

Teucro, Cisne... e Novás son algunhas das camisetas que vestiu David ao longo da súa carreira. Sobre este ano recoñece que foi "raro". Comezando co adestrador, que "ía ser un e despois atópome con outro, pero estaba contento igual, porque o Novás é un deses equipos nos que sempre queres xogar. Aínda que houbo xente que penso que non foi nobre comigo... pero agora xa está. O importante é que deixei bos amigos e xogar aí sempre é motivo de ledicia".

(Foto: Silvia Rodríguez / Noticias O Rosal)

O seu último equipo é a S.A.R., rival do Novás esta fin de semana, xusto antes da súa actuación. Un equipo dos históricos do balonmán galego que tras pasar por horas baixas, está a ser  un dos equipos a ter en conta para a presente campaña. 

David foxe de falar de grandes metas e recoñece que a pesar do gran inicio "co que estamos moi contentos, temos contratempos e non puidemos adestrar xuntos o que nos gustaría, por iso que o noso obxectivo pasa por ser un equipo que cando se enfrenten a nós, os rivais teñan en mente que poden perder".

Ademais de pasar por varios clubes dende que abandonou O Rosal, tamén seguiu unha carreira meteórica, pasando por programas de tirada nacional e actuando nos mellores teatros do país. Sen conformarse con iso "rodei dúas series das que estou á espera da súa estrea e que espero que vos gusten". Ademais agora espera dar o salto á gran pantalla, xa que "ese é o obxetivo", indica.

Os Campelos, con David, no seu show de 2009. (Foto: Silvia Rodríguez)

Xa centrados no monólogo deste sábado, non será a primeira vez que David actúe neste auditorio, aínda que daquela foi cun papel secundario, e apunta que o show de agora "está moito máis evolucionado", pero co mesmo propósito: "facer rir e que o espectador pase un bo rato, que basicamente é do que se trata".

Un dos labores que lle encomendaron recentemente a David é ser a cara da campaña contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, aínda que para él "é triste que teña que haber campañas como estas a estas alturas. É cuestión de educación, a sociedade tiña que facer moita máis presión, que non deixasen oportunidade a este tipo de comportamentos".



Será este sábado (22:30h), cando o "Duque" galego -como odia que lle chamen, xa que para el iso é comparalo con Marichalar- poña o Auditorio do Rosal 'Fóra de Sitio 3.0'.