lunes, 18 de mayo de 2015

Presentación para a historia na Illa de San Simón


O pasado sábado 16 de maio fun convidado na Illa de San Simón (Redondela) á presentación do libro As Telleiras de Cesantes, da autoría de María José Cabaleiro Casal e José Manuel Bouzón Pintos



Sen dúbida, a illa "excepcional e paradisíaco enclave situado na enseada que conforma o fondo da ría de Vigo" acolleu un fermoso percorrido pola historia deste oficio na parroquia redondelá, dende finais do século XVIII ata principios do s. XX.


A publicación, que está editada polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, foi presentada polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira, quen -coa súa acostumada, simpática e gran oratoria- encandilou ás máis de 200 persoas que acudiron ao acto.




Entre os asistentes, como non, o escritor e investigador rosaleiro, Xoán Martínez Tamuxe, un dos grandes protagonistas da presentación e do libro, xunto co lembrado cabaqueiro, xa finado, Manuel Rodríguez "Trintiña".



Un pracer poder saudar, igualmente, despois de moitos anos a Xurxo Constela, con quen tiven o pracer de traballar na empresa de arqueoloxía Anta de Moura. Hoxe en día, Xurxo é o coordinador de A Citania.

Vaian tomando boa nota algunhas institucións públicas e privadas, concellos e asociacións. Como afirmou Vilar na súa intervención "non fai falta gastar millóns de euros" para protexer e divulgar o noso rico patrimonio histórico-cultural, tan só ollos e querer facer as cousas ben. 



Dende aquí, o meu agradecemento polo convite e os meus parabéns a María José, a Bouzón e a todos os que forman o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy polo seu formidable traballo.