miércoles, 3 de febrero de 2016

"Tomiño Romano" inaugúrase en Compostela


Segundo se pode ler na web da Universidade de Santiago de Compostela, mañá xoves 4 de febreiro, inaugúrase na Igrexa da USC a exposición "Tomiño Romano: o xacemento de Currás", resultado da primeira fase dos traballos arqueolóxicos realizados en 2013.

Gómez Sobrino, González Santiso e Martínez Tamuxe en Currás (1972)

Hai que lembrar que esta vila romana dos Medos, en San Martiño de Currás, no concello de Tomiño (Pontevedra) foi descuberta en 1972 polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño, formado por Jesús Gómez Sobrino, Aquilino González Santiso e Xoán Martínez Tamuxe.


Os resultados daquela campaña de 1972: descubrimento da vila co seu hipocausto (sistema romano de calefacción) e a súa necrópole (cemiterio primitivo, xa cristiano) foron recollidos en parte na prensa e, singularmente, na memoria das mesmas publicada na revista Tuy - Museo y Archivo Histórico Diocesano. I (Tui, 1975).


Tras a exposición á que asistimos na Casa de Cultura de Tomiño en outubro de 2014 é agora a quenda da inauguración desta mostra en Santiago de Compostela, ás 13.00 horas "nun acto no que participarán a vicerreitora de  Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a concelleira de Cultura e Asuntos Sociais de Tomiño, Cristina Martínez; os comisarios da mostra, Fermín Pérez e Silvia González; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Monterroso; e a decana da de Historia da UVigo, Susana Reboreda". 


Lémbrase dende a Universidade de Santiago que a mostra ‘Tomiño Romano: o xacemento de Currás’ poderá visitarse ata o 11 de marzo de xoves a venres de 10.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas. Hai ademais a posibilidade de abrir a mostra para grupos con visitas previamente concertadas.