domingo, 27 de marzo de 2011

¡Benvidos ao meu blog persoal!

Hai uns días pousando diante dun dos "Muíños do Porto" en Vilameán (Tomiño)



Benvidos ao meu blog persoal. Rescátoo do esquecemento despois de moito tempo, para que -xa que ultimamente ben é certo, non dou señais de vida- polo menos sepades que é o que fago, en que me ocupo, vamos, a razón real (aparte da xenética) de por que non se me ve o pelo.


Así desta maneira, aínda que soe a mera excusa, poderei xustificar (en parte) as miñas ausencias en xuntanzas familiares, de amigos ou mesmo en actos sociais aos que estou convidado. De boa gana iría a moitos...


O que teño claro -tempo me costou darme conta- é que non se pode abarcar todo. Agora mesmo, sinceramente, estou desbordado de traballo.


En primeiro lugar, e con grande dor no corazón e aínda na alma, teño que parar a actividade da miña querida web Noticias O Rosal.


Por outro lado, en colaboración co meu pai e para que me entendades, estou metido de cheo na finalización dunha nova confección dun libro de carácter histórico-etnográfico. Esta vez a obra versará sobre o curioso e pintoresco conxunto dos "Muíños do Porto", enxeños hidráulicos tradicionais existentes en San Bieito de Vilameán, parroquia do concello de Tomiño. Así que, unha vez cumpridas as miñas tarefas profesionais diarias, teño que concentrarme e dedicarlle todo o tempo do que dispoña.

E aparte outros proxectos, colaboracións para revistas e diversos medios de comunicación téñenme o tempo certamente absorvido.


Intentarei cando poida habilitar varias funcións deste blog, que como comprobades, o teño aínda baleiro. Ademais tamén farei pouco a pouco distintos enlaces aos meus perfís nas redes sociais, etc, etc. Iso... pouquiño a pouco.


Aproveito para saudarvos, e case que caíndome de sono (4:28 h.), desexarvos sempre o mellor.


Bicos e apertas.