viernes, 23 de noviembre de 2012

ESTE XOVES ASISTÍN Á PRESENTACIÓN DO PLAN DIRECTOR DA PENÍNSULA DO TREGA



Onte xoves, 22 de novembro, estivemos meu pai (o historiador e investigador, Xoán Martínez Tamuxe) e máis eu no acto de Presentación do Plan Director da Península do Trega, que se celebrou na Casa dos Alonso, convidados polo Concello da Guarda.


Deu a benvida aos asistentes a técnica de turismo da vila, Rosalía Verde, para xa de seguido tomar a palabra o alcalde guardés, José Manuel Domínguez Freitas, quen presentou á súa vez ao director xeral de Patrimonio, José Manuel Rey Pichel e ao coordinador do equipo redactor do Plan, Mario Crecente.


Interviron entre outros, os historiadores da Guarda, Joaquín Miguel Villa Álvarez e Ermelindo Portela Silva, que ofreceron diferentes explicacións do importante traballo realizado para a elaboración deste estudo, que, sen dúbida, será imprescindible nun futuro próximo para acometer calquera actuación nesta "Península do Trega".


Mario Crecente deu as grazas en primeiro lugar ao seu equipo, integrado por científicos, arqueólogos, historiadores, arquitectos, etc, ao igual que a varias persoas e institucións que colaboraron para que se puidera levar adiante o dito proxecto. 


Este Plan Director da Península do Trega é un exhaustivo estudo de todas as posibilidades, características e mesmo necesidades, tanto  loxísticas, turísticas, paisaxísticas, históricas ou mesmo de lecer que o contorno precisa para revalorizar a súa capacidade e situación estratéxica. Non en vano, A Guarda e en concreto o Trega, é o segundo lugar de Galicia que recibe máis visitantes, despois de Santiago de Compostela.


Agardamos que este proxecto, segundo se recalcou no acto, axiña estea publicado polo menos en Internet, a fin de que sexa coñecido e valorado como se merece.