viernes, 21 de diciembre de 2012

35. NIN RASTRO DE ASTEROIDES OU ZOMBIS


Na imaxe, nunha recente visita á nevada Puebla de Sanabria (Zamora)

Onte, 20 de decembro, foi o meu 35 aniversario. E hoxe, segundo diferentes profecías e predicións, non debería estar escribindo esta entrada... nin vós léndoa, xa que se ía "acabar o mundo".

Por sorte, non foi así e aquí seguimos, sen asteroides impactando na Terra ou como teño escoitado, sen zombis "correndo" detrás nosa nunha terrible apocalipse.

Graciñas de corazón a todas aquelas persoas que me felicitaron por esta sinalada efeméride do meu calendario vital. 35. A verdade, e como sempre digo -e así o sinto-, parece que aínda teño 18, 19, 20 anos. É boa sinal.

Con moitos proxectos en mente e outros xa encamiñados -espero na dirección correcta-, aquí sigo na miña nova faceta de emprendedor sociocultural autónomo. Son do pensamento que se a un lle vai ben,  iso ten que repercutir tamén nos demais. O proceso é ás veces lento, pero iso si, vouno intentar ata conseguilo.

35. Parece incrible pero neste 2013 fará 20 anos do meu primeiro artigo histórico-deportivo publicado. Que lonxano no tempo queda aquel 1993 e aquel popular Libro de Festas do Pilar. Dúas décadas traballando e á vez disfrutando do saber dos nosos maiores, da lectura, da fotografía... en definitiva da investigación, da nosa Cultura.

Non me vou a liar máis, simplemente lembrarvos que xusto dentro dunha semana, o venres 28 de decembro terá lugar na Área Panorámica de Tui a presentación ao público e aos medios de comunicación do terceiro número da revista Castellum Tyde, do Instituto de Estudios Tudenses, do que son membro dende fai uns anos.

Chegan as Festas de Nadal e, en breve, o Ano Novo. Agardando que estedes ben, deséxovos o mellor nestas datas e oxalá non tarde moito en darvos unha pequena sorpresa. E, falando de sorpresas, a miña noraboa (ou condolencias) para Roberto, o "Sr. Pi", un dos meus mellores amigos, que en breve deixará de ser solteiro... ¡¡Ánimo e moita sorte!!

¡¡Boas Festas. Saúde. Bicos e apertas para todos/as!!