jueves, 23 de mayo de 2013

INTERESANTE XORNADA DE ARQUEOLOXÍA NO MONTE DE SANTA TREGA (A GUARDA)


"COCER, FERMENTAR E AMASAR: OLERÍA E PAN NO TREGA", INTERESANTE XORNADA DE ARQUEOLOXÍA.


Segundo nota de prensa do Departamento de Turismo do Concello da Guarda, "o sábado 25 de maio celebrarase no monte Santa Trega a II edición dos obradoiros de Arqueoloxía co título de COCER, FERMENTAR E AMASAR: Olería e pan no Trega".

Sen dúbida unha interesante xornada, que segundo esta comunicación: "Estarán orientados tanto a nenos coma a adultos. A actividade principal consistirá na cocción de cerámica con reproducións de pezas que apareceron nas escavacións arqueolóxicas do Castro de Santa Trega usando as técnicas da época. Comezarase ás 11h da mañá montando o forno e enfornando as pezas e rematará entre as 18h e 19h co desenfornado. Paralelamente faranse dous obradoiros, o primeiro centrado na decoración da cerámica castrexa e o outra consistirá na elaboración de pan seguindo as posibles receitas da época na que se habitou o castro. Estes dous obradoiros estarán abertos de 12 a 14h e de 17 a 19h. Tódalas actividades realizaranse no campo de Chans, no Monte de Santa Trega.

A xornada -lémbrase- está organizada polo Concello de A Guarda e polo Padroado Municipal Monte Santra Trega dentro das actividades do centenario do comezo das escavacións do castro. Será levada por un grupo interdisciplinar. Durante este día incrementaranse o número de visitas guiadas posto que se realizarán ás 12:00h, 13:00h e 17:00h. O punto de encontro será no poboado a carón da estrada.



A realización e coordinación da cocción cerámica e do elaboración do pan dependerá do Grupo de Estudo para a Prehistoria do NW Ibérico (www.gepn.eu), GEPN, sección de Cultura Castrexa, da Universidade de Santiago de Compostela. A cocción estará guiada por Tomás López da olería Fígulus (Proendos, Sober, Lugo), que prosegue a elaborar (e tamén a idear) formas da cerámica de Gundivós, e que se prestou a reconstruír o forno que se vai utilizar seguindo un modelo do castro de Castromao (Celanova, Ourense). 

As cerámicas que se van cocer son réplicas de formas achadas no Castro do Trega, elaboradas pola Fundación Terra Termarum Castrolandín (www.castrolandin.es). Esta institución leva anos investigando a cerámica castrexa e ultimamente veñen de presentar o seu catálogo nunha exposición que pode visitarse estas datas no Museo de Pontevedra. 

As actividades serán gravadas pola produtora audiovisual Mara Producións (www.maraproducciones.es), xa que van formar parte dun documental arredor da arqueoloxía experimental no GEPN para axudar á intepretación e divulgación dalgúns dos materiais que van formar parte nas xornadas".