martes, 13 de octubre de 2015

Conclusións do VI Congreso de Escritores/as

Un momento do Congreso en Pontevedra. Foto: AELG

Estas son as conclusións do VI Congreso de Escritores/as Galegos/as: Para que(n) escribimos o futuro? ao que asistín o pasado 26 de setembro de 2015 no Pazo da Cultura, co apoio do Concello de Pontevedra a través da súa Concellaría de Cultura.

O Congreso tivo un proceso de participación da base asociativa e de debate previo ao día do congreso a través de medios dixitais; despois de celebrados os seis grupos de traballo rematou o congreso cunha sesión conxunta na que as persoas encargadas das respectivas coordinacións resumiron as conclusións de cada grupo para, finalmente, deducírense as seguintes conclusións xerais do VI Congreso de Escritoras e Escritores da AELG: 

1. A lingua oral é a base da nosa cultura e a raíz do noso sistema literario. Moitos elementos patrimoniais só se transmiten por vía oral; por tanto na medida en que deixemos de comunicarnos oralmente na nosa lingua corremos o risco de sermos vítimas dunha “xeración muda” ou “fenda oral” e de esquecer unha parte fundamental da nosa herdanza cultural.

2. O prestixio social da lingua depende da calidade do seu uso oral normalizado, por tanto é imprescindible potenciar este uso, tanto no ambiente familiar como, especialmente, no escolar, sobre todo nas primeiras etapas educativas.

3. O fomento das expresións orais garante o futuro da lingua, transmite optimismo aos seus falantes e prestixia o patrimonio e as formas culturais que se expresan nela.

4. Entendemos que a literatura de tradición oral pode e debe ser considerada pola RAG para que se lle dedique un Día das Letras Galegas a través da figura de investigador@s e narrador@s de mérito.

5. Precisamos da creación dunha axencia literaria e tamén dun servizo de orientación no seo da propia AELG.

6. Reclamamos a revisión das porcentaxes de dereitos de autoría así como dos adiantos a conta que se ofrecen no noso sistema literario.

7. Reclamamos a necesaria tolerancia ortográfica, sen discriminacións da lusografía e con maior democracia na convocatoria de premios.

8. Requirimos a inclusión da LIX na formación do profesorado como materia específica ou transversal.

9. Demandamos para a literatura galega en xeral, nomeadamente a LIX, maior presenza nas feiras do libro, tamén nas internacionais.

10. Demandamos a cooperación das diversas administracións para manteren certames de escrita dramática con periodicidade anual e con garantías de publicación e escenificación.

11. Reclamamos a necesaria formación dos equipos docentes nas bondades pedagóxicas que a escrita dramática achega no plano da oralidade, de modo que se prescriban textos dramáticos para traballar neste ámbito.

12. Solicitamos a visibilidade de modelos que adoitan expresarse oralmente: as representacións teatrais, as recitacións poéticas, as controversias e disputas como a regueifa ou a narración de historias, contos…

13. Reclamamos ás entidades públicas encargadas da difusión cultural fóra das nosas fronteiras cara outras latitudes lingüísticas a creación dun Instituto Rosalía de Castro que espalle a nosa creación literaria.