jueves, 4 de julio de 2013

XXIII FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA NA VILA DA GUARDA (5,6 e 7)



Segundo nota remitida ao meu correo polo Departamento de Turismo, "o pasado xoves 28 de xuño, o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, presentaron oficialmente en Braga a “FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA” que celebra este ano a vixésima terceira edición os días 5, 6 e 7 de xullo, festa gastronómica de recoñecido prestixio.

Este ano escolleuse a cidade de Braga para a presentación oficial da festa gastronómica pola vinculación histórica e pola importancia dos visitantes portugueses para o noso concello.

A presentación tivo lugar na sala do Posto de Turismo de Braga ante os medios de comunicación asistentes e para coñecemento dos veciños portugueses foron presentadas as novidades na programación e dos pratos para esta edición. O acto estivo apoiado por unha representación dos establecementos colaboradores e mailas responsables de turismo de Braga, directora de turismo de Braga e a xefa da Oficina de Turismo.


A festa ten como protagonista a langosta pero acompañándoa hai unha variedade de produtos dun alto nivel culinario que veñen facendo as delicias dos paladares máis esixentes. Os presentes puideron degustar ó remate do acto a langosta e os máis de 25 pratos mariñeiros".

¡Pois iso, haberá que achegarse esta fin de semana á vila da Guarda!