viernes, 19 de diciembre de 2014

V Día Lugrís organizado por "In nave civitas"


Segundo me comunican dende a AELG, o sábado 20 de decembro terá lugar na Coruña o V Día Lugrís, organizado polo Colectivo literario In nave civitas, en colaboración coa A.C. O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Este é o programa previsto:
17:00 h. A arribada do grafiti (Praza José Sellier).
Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá, seguido do tradicional Obradoiro de Paraugas Pintados (Praza José Sellier). Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas. (Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)
17:45 h. Manifestación atlántica e surreal (Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos).
Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.
18:30 h. Recreación do intre no que Antón Avilés de Taramancos coñeceu a Urbano Lugrís (Xardín de San Carlos).
Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.
18:45 h. Manifestación atlántica e surreal (continuación) (Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio)
Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.
20:30 h. A habitación do vello mariño (Monty Ambigú)
Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O’Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.
Todos os actos deste V Día Lugrís son abertos.
Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino.