lunes, 5 de octubre de 2015

V edición "Letra das Festas". San Froilán 2015




Segundo se comunica dende a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, este mércores 7 de outubro celebrarase a LETRA DAS FESTAS 2015. Lembranza de catástrofes e desastres naturais, no Círculo de las Artes de Lugo, con entrada libre até completar aforo.  

Coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a coordinación e presentación de Antonio Reigosa e Isidro Novo, a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza a quinta edición desta "revista de literatura oral ao vivo" que sae sempre polo San Froilán, e na que este ano interveñen persoas que rememoran catástrofes e desastres naturais.

Ciclóns como o Hortensia (1984) e o Klaus (2009), terremotos como o de 1997 (que acadou 5'1 de intensidade, tendo o seu epicentro no triángulo Sarria-Triacastela-Becerreá), galernas (como a de 1961, con 83 mortos, que castigou especialmente Celeiro), así como riadas, inundacións, nevaradas, sarabiadas e tormentas con maior ou menor sona que teñan dado lugar a unha aventura ou vivencia digna de ser contada. Sucesos de aquí e de alá coma os que nos van narrar dalgunhas catástrofes en Nicaragua desde a ONG Axunica.

Participarán: 

Bernardino Pardo Teixeiro
Paco Nieto
Antón Grande
Xerardo Pardo de Vera
Ana Vila Montero (da ONG Axunica)


Na parte musical interveñen Mini e Mero.