martes, 1 de diciembre de 2015

O Cabaqueiro. A valiosa tradición de Neira Vilas


Antes de que remate o 2015 fago esta pequena crónica sobre a última publicación de Xoán Martínez Tamuxe, a "Memoria da XXVII Festa do Cabaqueiro", editada recentemente pola delegación de Cultura do Rosal e que conta coa miña colaboración no apartado fotográfico e na tarefa de informatización dos seus correspondentes textos.

Tal e como lembro na última entrada, ata o propio Xosé Neira Vilas alabou esta Festa e Memoria do Cabaqueiro, nas súas palabras "tradición moi valiosa e moi identificada coa comarca", que nesta ocasión comeza cunhas verbas de despedida do seu coordinador, Tamuxe, e que desta maneira dá por rematada unha tarefa que comezou en 1987.


Nesta nova memoria, que se pode adquirir en dependencias municipais, realízase -entre outras- unha crónica da XXVII Festa 2014, co pregón íntegro incluído do químico rosaleiro, Manuel Dorado González.

Igualmente, ofrece interesantes artigos de investigación como os "Cabaqueiros do Rosal na telleira de Benza (Trazo-A Coruña)", ou mesmo unha "Reseña histórica da telleira da Cumieira ou de Narillo".