martes, 28 de mayo de 2013

A HOMENAXE "A ESCRITORA NA SÚA TERRA" DA AELG RECAE ESTE ANO EN MARICA CAMPO


Marica Campo. (Foto: Baía Edicións)

A Homenaxe A Escritora na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), da que son membro dende o 2008, "chega este ano á súa XIX edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Marica Campo, que será homenaxeada na súa terra natal, o Val do Mao".

Segundo lembra a AELG, "esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de case dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe da homenaxeada cobra un protagonismo fundamental. 

É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha camelia elixida pola propia autora), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso ao Campo da Festa-Souto Marica Campo".



O vindeiro sábado 15 de xuño ás 11:30 horas, na  Praza da Casa do Concello do Incio (A Cruz do Incio), terá lugar o acto de entrega da Letra E, coa intervención de:
• Laura Celeiro García, Alcaldesa do Incio
• Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
• Xosé Ramón Freixeiro Mato. Laudatio

Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención da homenaxeada: resposta á laudatio por parte de Marica Campo.

Ás 13:00 horas, no Campo da Festa-Souto Marica Campo (Val do Mao), plantación da camelia (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo e da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao Souto.

Interveñen:
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
• Marica Campo.

Finalizará a homenaxe cun xantar de confraternidade, aberto a Socios/as da AELG, á veciñanza do Incio e demais persoas interesadas.