jueves, 30 de mayo de 2013

HOXE TOCOU CAMIÑADA POLO TORROSO E VISITA AOS GRAVADOS DE EIRA DAS BRUXAS



Aínda que o día estaba "así-así" decidinme ben cedo a dar unha boa camiñada pola zona do Monte Torroso, entre os límites do Rosal e da Guarda (Pontevedra).


Aproveitei para, á vez de facer un pouco de exercicio, visitar algúns dos petróglifos da zona, como son o serpentiforme e coviña de "Eira das Bruxas" e observar unha vez máis os dous muíños naviculares que alí se atopan.


A pesares da néboa, puiden admirar impresionantes vistas cara ao mar, á costa e á desembocadura do Miño, co Trega e o porto da Guarda alá, en lontananza.


De novo, achegueime ata as curiosas figuras gravadas na pedra fai anos polos escultores Pepe Antúnez Pousa, Félix G. Fidalgo e Alejandro Durán.


Non hai moito aínda lembraba Pousa que o que se pretendía crear con estas imaxes era "un pequeno recuncho de paz, tranquilidade, amizade, harmonía e ata de espiritualidade".